Monday 06 de May de 2024

O Concello de Frades tramitará os cambios de domicilio nos rexistros de Condutores e de Vehículos da DGT, polo que os veciños xa non terán que desprazarse ata Santiago


O acordo foi asinado esta mañá polo alcalde Roberto Rey e a xefa provincial de Tráfico de A Coruña, María Victoria Gómez

Os veciños e veciñas de Frades poderán realizar o cambio de domicilio no Rexistro de Condutores e no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico nas oficinas do Concello de Frades, evitando así ter que desprazarse ata a Oficina Local de Tráfico de Santiago de Compostela. Isto é posible grazas a un convenio de colaboración subscrito esta mañá entre o alcalde de Frades, Roberto Rey, e a xefa provincial de Tráfico de A Coruña, María Victoria Gómez Dobarro.

“Este acordo é moi positivo para os nosos veciños, que xa non terán que desprazarse entre trinca ou corenta quilómetros ata a oficina local de Tráfico de Santiago para tramitar o cambio de domicilio tanto no Rexistro de Condutores como no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico. Bastará con que se acheguen polo Concello”, explica Roberto Rey.

Deste xeito, os veciños e veciñas de Frades que precisen facer este cambio só terán que presentar a súa solicitude diante do Concello Frades, na que se identifican como posuidor do vehículo e presentar o seu DNI. O Concello de Frades enviará por correo electrónico a solicitude á Oficina Local de Tráfico de Santiago de Compostela, que anotará nos rexistros correspondentes os cambios de domicilio. Como non é preciso expedir un novo permiso de condución, o veciño poderá seguir circulando co seu permiso actual, aínda que teña o domicilio antigo.

Ambos trámites son gratuítos para o veciño. O cambio de domicilio no Rexistro de Condutores da DXT é a efectos das notificacións que recibe o propietario do vehículo sobre trámites relativos ao permiso de condución; mentres que o cambio de domicilio de vehículos no Rexistro de Vehículos da DXT é a efectos do imposto municipal de circulación, xa que o domicilio do vehículo determina o Concello no que se deberá aboar anualmente o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica.